A alumna do noso centro, Camino Alonso Fuente, foi finalista no concurso "Ciencia que conta" co seu traballo titulado "Néfele, a raiña das nubes" conto realizado como actividade de investigación creativa e orixinal, no proxecto de Meteoescolas. Se premedes no título podedes ler o conto orixinal, así como o do resto dos compañeiros.
Na sesión de información que realizaron os alumnos de 6º curso, sobre o programa que están a desenvolver en Meteoescolas, a finalista, fíxonos unha lectura da súa obra.
O alumnado de 6º curso distribuíuse en dous grupos para realizar unhas sesións informativas, dirixidas a todo o alumnado do centro, e dar a coñecer o traballo que están a desenvolver no proxecto de Meteoescolas en colaboración con outros centros de Galicia. Un grupo traballou co alumnado de Ed. Infantil e Primeiro Ciclo de Ed. Primaria e o outro co resto do alumnado do centro.
A primeira sesión formativa foi dirixida aos máis cativos do centro. Os encargados deste traballo empregaron como medio de exposición a representación dunha obra teatral que tivo como fío condutor o libro de "Bos días árbore! As estacións", publicada por edicións Sálvora. Os espectadores gozaron enormemente coa fabulosa interpretación dos artistas de 6º curso e coas súas recitaxes dos diferentes poemas relacionados coa meteoroloxía.
A segunda sesión informativa tivo un carácter moito máis académico. Informouse ao alumnado do centro do proceso que se está a seguir para a recollida de datos meteorolóxicos e de como interpretar un mapa do tempo dos que aparecen na web de Meteogalicia. A exposición de contidos tamén estivo acompañada coa lectura de varios poemas relacionados con diferentes meteoros.
Como remate destas dúas sesións informouse en que ían consistir as dúas actividades/concurso destinadas a toda a comunidade educativa:
Recollida de imaxes de diferentes fenómenos meteorolóxicos: nevadas, xeadas, treboadas...
Recollida de imaxes de nubes. Nel exporemos as mellores instantáneas que nos acheguedes das formas das nubes.
O alumnado de 6º curso todos os mércores na Hora de ler analiza a información meteorolóxica que aparece nos xornais que temos na biblioteca do centro: "La Voz de Galicia" e "La Región".
Todos os traballos que van realizando nestas sesións quedan reflectidos no taboleiro de novas da clase destinado a Meteoroloxía.
Na última semana do mes de novembro puxemos en funcionamento a web de meteoroloxía do noso centro para recoller todas aquelas novas relacionadas co proxecto Meteoescolas.
Todo o alumnado e profesorado implicado participou activamente na biblioteca do cole nun obradoiro de formación para ser quen de rexistrar e introducir os datos meteorolóxicos observados na web.
Neste obradoiro traballamos cos datos meteorolóxicos reflectidos en Meteogalicia dos meses de setembro, outubro e novembro de 2014.
Asemade, tamén realizamos prácticas de medida co pluviómetro e o termómetro de máximas e mínimas, que de momentos son os aparellos de que dispomos na nosa estación.